Estudo para Comida de voda en Bergantiños

FERNANDO ÁLVAREZ DE SOTOMAYOR

1875-1960
3527 – Estudo para Comida de voda en Bergantiños.
Óleo sobre lenzo
c.1916

Para Sotomayor, ferrolán de nacemento, Galicia foi o referente artístico dos seus temas costumistas nos que fai unha descrición precisa da realidade cunha visión de estudo etnográfico. Durante as súas estancias vacacionais en Sergude, preto de Ponteceso, realizaba apuntamentos de xentes, vestimentas, costumes, celebracións e traballos da Galicia do momento. Coa súa destreza como retratista e a súa habilidade para a composición recreou escenas nas que se recoñecen as tradicións propiamente galegas que pintou sempre desde unha perspectiva alegre e amable pero tamén enaltecedora.

Este bosquexo é un estudo preparatorio de dúas figuras que formarían parte do grupo de comensais reunidos ao redor dunha mesa no lenzo titulado Comida de voda en Bergantiños. Sotomayor pinta este lenzo, pouco despois de regresar da súa estancia en Chile, no seu estudo da Praza de María Pita e preséntao na Exposición de Arte Gallego da Coruña de 1917. Comida de voda en Bergantiños, que acabaría converténdose nun referente dentro do tema costumista galaico, exhíbese actualmente na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid. Unha primeira versión deste cadro, cun número menor de personaxes, datado en 1915, forma parte da colección do Museo Nacional de Belas Artes de Santiago de Chile co título Cea galega.

Nel vemos como a posición do rostro da muller permite intuír que se comunica cunha terceira persoa da que só asoman as mans. O interese do pintor céntrase na gama cromática do amplo pano vermello anudado na cabeza da muller e na fisonomía do rostro do home que mostran o profundo dominio da luz e da cor a base dunha pincelada solta.

Audioguía

Estudo para Comida de voda en Bergantiños | 3527 - Fernando Álvarez de Sotomayor