Retrato de dona Emilia Pardo Bazán

JOAQUÍN VAAMONDE

A Coruña,1871 – Meirás, A Coruña,1900
1227 – Retrato de dona Emilia Pardo Bazán.
Pastel/papel
1896

Joaquín Vaamonde Cornide, nace na Coruña en 1871. Aprendeu xa de neno a debuxar con Isidoro Brocos, dando a coñecer os seus dotes artísticos. Tras unha tempada cos seus pais en Sudamérica, regresou a Coruña onde coñeceu á escritora Emilia Pardo Bazán, quen asumiu o papel de protectora e introduciulle no ambiente burgués tanto da Coruña como de Madrid, proporcionándolle unha gran clientela, entre a que destacou polos seus retratos ao pastel. Forma parte da denominada Xeración Doente, termo acuñado por Felipe Bello Piñeiro, en referencia a un grupo de pintores galegos distinguidos polas súas temperás mortes debidas á tuberculose.Joaquín Vaamonde Cornide, morre no Pazo de Meirás, baixo o coidado da súa protectora en 1900, á temperá idade de 29 anos.

Tras a morte do artista, Emilia Pardo Bazán personificou a JoaquínVaamonde na súa novela A Quimera (1905), no personaxe de Silvio Lago. A súa obra, dun realismo refinado, tende cara á idealización do retratado ao modo en que se facía en París e Londres por aquel entón, exemplos que coñecía de primeira man grazas ás súas constantes viaxes por Europa durante o período estival.

Nesta obra ao pastel de factura rápida e solta, realizada tras o verán de 1986, aparece retratada a escritora coruñesa Emilia pardo Bazán, rebosante de vitalidade e elegancia con tocado e capa negros, sobre fondo neutro, o que permite destacar o rostro e profundar na psicoloxía do personaxe. Destaca especialmente o elaborado uso da cor negra, realzado pola intensa mancha azul sobre o peito, de efectos case impresionistas.

Audioguía

Retrato de dona Emilia Pardo Bazán | 1227 - Joaquín Vaamonde