O Museo de Belas Artes da Coruña abre de novo as súas portas ao público no seu horario habitual e adoptando as medidas necesarias para salvagardar a saúde dos visitantes. Así mesmo, prorroga a exposición dedicada a Luís Seoane ata o 20 de setembro de 2020.
O Museo de Belas Artes da Coruña reabre as súas portas ao público a partir do 21 de maio tras o peche polo período de corentena decretado tras o estado de alarma xerado pola propagación do COVID-19. Conforme ao protocolo establecido pola Xunta de Galicia nesta fase da desescalada e seguindo ás recomendacións das autoridades sanitarias, cómpre ter en conta as seguintes medidas para garantizar a seguridade na visita:
- Control de acceso: o museo só poderá acoller visitas até un terzo da súa capacidade.
- A visita será individual (entendida, non como unha única persoa, senón como unha familia ou unha unidade de convivencia). Non estará permitida a reserva de grupos.
- Non se realizarán actividades culturais nin educativas de carácter presencial.
- Todas as persoas que accedan ás instalacións do Museo deberán cumprir as recomendacións das autoridades sanitarias e deberán seguir os protocolos de desinfección nos puntos habilitados á entrada do edificio.
- En todo o interior do edificio débese manter a distancia mínima interpersoal de seguridade de 2 metros, respectando en todo momento os elementos de sinalización. O uso da máscara é obrigatorio naquelas zonas onde o espazo de circulación non permita asegurar os 2 metros de separación entre persoas.
- Os visitantes deberán atender en todo momento as indicacións do persoal de seguridade do museo, que se encargará de vixiar o cumprimento das normas e de facilitar a circulación do público.
- Os servizos de gardarroupa e consigna non estarán dispoñibles. Non se poderá acceder ao museo con mochilas, bolsas, maletas e outros vultos de grandes dimensións. Só estará permitido o acceso con bolsos de man e mochilas que non superen os 40 x 40 cm.
- Está prohibido tocar calquera elemento da museografía (obras, vitrinas, peañas, cartelas, etc.).
- Os folletos informativos non se distribuirán libremente en soporte impreso. Pódense consultar e descargar en formato dixital a través de códigos QR no museo ou na páxina web do museo.
- A atención ao persoal investigador será preferentemente de forma telemática. No caso de que sexa absolutamente imprescindible, a atención presencial farase logo de cita previa (mu.belas.artes.difusion@xunta.gal).
- O acceso á biblioteca do museo quedará restrinxido e a atención prestarase preferentemente de maneira telemática (mu.belas.artes.biblioteca@xunta.gal).
Máis información no correo electrónico mu.belas.artes.coruna@xunta.gal ou no teléfono 881 881 700.